1 A POESÍA É UNHA BARRICADA DE PALABRAS REBELDES que ilumina o camiño da vida e deita luz sobre o mundo. A poesía non morde , non manca e, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin cursi, nin difícil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos.
2 A POESÍA SERVE PARA LER, CANTAR, DISCREPAR, BERRAR, RECITAR, rapear, musicar, declararse, rebelarse contra o mundo ou unicamente para falar suave á orella. Tamén é un somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química que mellora a saúde e o benestar e aguiza o pensamento. Serve, sobre todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario.
3 OS POEMAS SON COMO CAIXAS DE FERRAMENTAS, VALEN PARA TODO: para sentilos, manosealos, lelos, cheiralos, gardalos nun armario, ensucialos, para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos, recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. A poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os granos da cara, os pés planos, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, os enfados, a ansiedade e as gripes.
4 A POESÍA PODE ESTAR NAS COUSAS QUE NOS RODEAN A DIARIO, nas letras das cancións, no graffiti da parede do barrio, na soidade, no supermercado, nun sorriso inesperado, na moto, nas causas xustas, no váter, na esperanza, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras .
5 O IMPORTANTE DA POESÍA NON É OBSESIONARSE CON DESCIFRALA senón saber sentila, gozala e intuíla. Na poesía reconforta sentir a forza das súas palabras, o seu ritmo, a súa musica, a súa sonoridade, as chiscadelas que por veces nos deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En definitiva, facer da poesía un pracer.
Fran Alonso